Mondoñedo dá dez días de alegacións ao proxecto de reforma da Praza da Catedral

As actuacións, con case 260.000 euros de orzamento cofinanciado por Concello e Goberno central, inclúen a ampliación do Cantón Grande e adiantar o muro norte 2,5 para dispor un paseo

Presentación da reforma da Praza da Catedral. AXM

O Concello de Mondoñedo, segundo informa o goberno municipal, abre un prazo de dez días para que quen o considere oportuno poida presentar alegacións e suxestións ao proxecto de reforma da praza da Catedral.

As actuacións promovidas polo goberno local contarán cunha subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de 194.054 euros. O Concello achegará 64.684,97 dos 258.739,88 euros orzamentados en total.

As actuacións inclúen a ampliación do Cantón Grande desprazando as escadas dous metros cara a Catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior; disporíanse dúas rampas para favorecer a accesibilidade; ao mesmo tempo tamén se contempla o traslado dos taxis a outro lugar sen definir da contorna e eliminar os colectores do lixo da praza, así como cortar esta ao tráfico.

O acceso ao proxecto pódese facer en soporte dixital na dirección electrónica http//www.concellomondonedo.es e en soporte físico nas oficinas municipais en horario de atención ao público.

O equipo de goberno mindoniense agradece “as achegas” para esta iniciativa, que “suporá unha considerable mellora na imaxe dunha das prazas máis emblemáticas de Mondoñedo”. O Concello remarca que solicitou a mediados do pasado mes de xaneiro “suxestións de todos os grupos políticos debido a transcendencia que este espazo público ten na vida cultural e económica da veciñanza”.

O BNG SOLICITARA “CONSENSO” E “MARXE DE MANOBRA” PARA PARTICIPAR DO PROXECTO

O BNG de Mondoñedo reclamou “consenso” e “marxe de manobra” para que a oposición e maila cidadanía poidesen ter “voz” nas medidas a adoptar, lamentando que o Concello “non celebrase reunións previas coa veciñanza antes de encargar o proxecto”, solicitando “estudar temas como de que xeito se vai reorganizar o tráfico das rúas adxacentes á praza, a posibilidade de peonalización dalgunhas zonas do casco histórico ou a ordenación dos espazos de estacionamento da cidade”, ademais de “aspectos que están por definir, como onde se van ubicar os taxis“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here